NOVAS SEMANAIS

martes, 4 de decembro de 2012

O sector sanitario e servizos sociais lidera a perda de afiliación a Seguridade Social en novembro

Un total de 192.385 persoas déronse de baixa na Seguridade Social nos sectores de Administración Pública e Defensa, Seguridade Social, Educación, Actividades Sanitarias e Servizos Sociais no último ano, segundo datos publicados hoxe polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, correspondentes ao mes de novembro.

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSI-F), sindicato máis representativo nas Administracións Públicas, quere chamar a atención pola perda de afiliados no sector sanitario e servizos sociais, concretamente 93.309 baixas en novembro, o que lle sitúa como o sector con maior número de baixas neste mes.

Deste xeito, encadéanse tres trimestres consecutivos de descensos (43.301 baixas en outubro e 22.643 en setembro) o que está directamente relacionado coa política de recortes impulsada polo Goberno e as diferentes administracións nun sector básico do noso estado do benestar.

Por sectores, os datos interanuais (novembro 2012, respecto de novembro de 2011) son os seguintes: Administración Pública, Defensa e Seguridade Social (63.880 persoas menos), Educación (22.415 persoas menos) e Actividades Sanitarias e Servizos Sociais (106.090).

O presidente de CSI-F, Miguel Borra, trasladará mañá ao presidente do Congreso dos Deputados a súa preocupación pola destrución de emprego público ao longo do último ano, derivado da non reposición de xubilacións e un "ERE encuberto" sobre persoal interino e laboral.

Neste sentido, Borra reclamará a Jesús Posada, o seu apoio para impulsar un Pacto de Estado nas Administracións Públicas, que inclúa unha correcta planificación dos recursos humanos, en función das necesidades do sistema.

CSI-F quere chamar a atención de PP e PSOE para que xuntos poñan fin a esta sangría que pon en perigo un sistema público que con tanto esforzo construímos os españois ao longo dos últimos anos.

Por encima de todo, CSI-F quere recalcar que a nova marca de paro rexistrado no mes de novembro, evidencia o fracaso máis absoluto das reformas laborais do PP e PSOE que está minando o sistema produtivo e os dereitos laborais dos traballadores españois.

Ningún comentario:

Publicar un comentario