NOVAS SEMANAIS

martes, 6 de outubro de 2015

CSI-F agarda que o cambio en Sanidade supoña un cambio da política sanitaria da Xunta

CSI-F confía en que o cambio en Sanidade supoña un cambio das políticas sanitarias da Xunta e non só un cambio de caras.

O sindicato cre que si Feijóo “escoitou á sociedade”, como di, debe dar marcha atrás na privatización do sector.

Desde a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSI-F) valoramos positivamente a destitución de Rocío Mosquera como conselleira de Sanidade. Era unha reclamación de gran parte dos usuarios da Sanidade Pública e dos colectivos sanitarios, cos que conseguiu enfrontarse pola sua pésima dirección e escaso diálogo. A posta en marcha do novo hospital de Vigo, que conseguiu unir a máis de 200.000 persoas contra a privatización da xestión sanitaria, foi só a pinga que colmou o vaso dunhas políticas públicas caracterizadas por importantes recortes en servizos permanentes, como a hemodinámica e a radioloxía no HULA de Lugo como exemplos máis mediáticos, e en persoal.

CSI-F espera que a sustitución de Rocío Mosquera por Jesús Vázquez Almuíña supoña non só un cambio de caras, senón tamén un cambio das políticas sanitarias da Xunta de Galicia, de forma que se paralice a súa paulatina privatización e se defénda e invista realmente nunha sanidade pública de calidade.

O sindicato profesional confía en que a experiencia na xestión sanitaria do novo conselleiro facilite o diálogo cos sindicatos de forma que se poidan reconducir tanto os temas relativos á xestión do día a día da sanidade como servizo público fundamental, como aqueles temas relativos ás relacións laborais.

A central sindical cre que a rectificación das políticas adoptadas ata agora debe ser o camiño a seguir si, tal e como di o presidente Alberto Núñez Feijóo na súa explicación sobre a crise de Goberno, esta débese a que "escoitou á sociedade" e máxime sendo un presidente "que quere seguir tendo o apoio maioritario da sociedade galega e seguir interpretando ao sector maioritario de Galicia".

Ningún comentario:

Publicar un comentario